Arméria é unha Cooperativa sen ánimo de lucro, constituída en Ferrol o
pasado mes de abril. Un grupo de persoas asociadas á cooperativa, e
vinculadas co mundo do ensino, constituíron unha Comisión de Viaxes
Educativos e Solidarios.
A motivación para esta iniciativa, xurde dunha realidade coa que se
están atopando todas as comunidades educativas: cada vez resulta máis
difícil para moitas familias, poder custear viaxes escolares, que por
outra banda resultan fundamentais para completar a formación dos nenos e
nenas.
En Arméria existe o convencemento de que, co apoio mutuo entre
comunidades escolares, movementos e organizacións sociais, podemos crear
alternativas e proxectos de colaboración, que garantan, máis aínda
nestes tempos de dificultade, que os nenos e nenas dos centros públicos
podan seguir tendo ao seu alcance ese xeito lúdico de aprender que é
viaxar.
No convencemento de que esta mesma preocupación, é compartida pola
maioria da comunidade educativa, é polo que a Cooperativa Armeria
organiza unha xuntanza onde poder intercambiar ideas e proxectos que
axuden a dar solucións conxuntas, ao longo deste curso que comeza, a
esta problemática.
A xuntanza terá lugar ás 18hs, o luns, 10 de setembro, no Ceip Manuel
Masdías de Caranza, e a ela están convidadas tanto o profesorado como as
ANPAS dos centros públicos da comarca.
||||||||||||||||