terça-feira, 12 de novembro de 2013
Compañeira Victoria
O pasado Venres, 8 de Novembro de 2013, falecía a nosa compañeira Victoria.
A nosa estimada e querida compañeira Vitoria Fernández Paredes, deixaba-nos logo, dunha breve, mais grave enfermidade.
Victoria, era unha activista social, participaba no Foro e Encontro Social de Ferrol Terra, e foi cofundadora de Arméria Sociedade Cooperativa Galega, formando parte do seu primeiro Consello Reitor. Non puido ver desenvolvidos os proxectos de construción social nos que estamos inmersos. Mais se participou activamente na posta en marcha da Tenda de Troco e na Rede de Apoio Mutuo, onde participaba na loita por unha vivenda digna e adecuada con Stop-desafiuzamentos.
Victoria, chegou á Rede Social de Ferrol Terra, desde a Asociación Cultural Fuco Buxán e o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. O seu compromiso social era grande, imos-che botar de menos Victoria. Mais o compromiso de Victoria non era de agora, dos últimos anos, senón que a nosa Compañeira ten unha vida de dedicación plena á loita pola xustiza, pola igualdade, a solidariedade e a fraternidade. Este compromiso exercía-o con xenerosidade e bondade.
Victoria era a compañeira do xa finado Carmelo Teixeiro, co que compartía activismo nos, xa mencionados, Comité Cidadán de Emerxencia e asociación 'Fuco buxán'.
No nome de todas as persoas, boas e xenerosas, que formamos parte das entidades da Rede Social de Ferrol Terra queremos enviar un saúdo, con dor mais con esperanza e gratitude, fraternal e solidario aos seus fillos Juan Ramón, Carmelo e Noé, ás súas compañeiras, netos e netas, aos seus hirmáns Angeles e Ricardo, demais familia e amizades.
|||||||||||||||||